Localizan un veciño de Cospeito que podería levar tres semanas morto
Un veciño de Sistallo, en Cospeito, apareceu morto na súa casa, no lugar da Cal. Tras varias semanas sen ter noticias del, uns coñecidos decidiron denunciar a súa desaparición. Daquela, a Garda Civil acudiu ao domicilio, onde os axentes atoparon o seu cadáver boca abaixo, atrapado no piso de madeira que separa as dúas plantas do inmoble.
Veciños: "Cando subiu a Garda Civil polas escaleiras, apareceu. Rompeu unha táboa e quedou co metido e coa cabeza para abaixo. O pé tíñao dobrado. Estaba colgado coa cabeza para abaixo".
"Nós había quince días que non o viamos. A xente viña buscalo para traballar. Daquela chamamos a Garda Civil para avisar que estaba desaparecido. Entón viñeron e atopámolo na casa. Xa estaba morto".
"Había quince días que non o viamos. E ás casas onde ía traballar non ía. Por iso nós tivemos esa sospeita: aquí algo pasa. Entón foi cando chamamos a Garda Civil".
A casa onde residía o falecido encontrábase en estado ruinoso. Tiña o lousado roto e o piso de madeira onde quedou atrapado non era seguro. Para liberar o corpo, foi precisa a intervención dos bombeiros de Vilalba.
"O piso está todo vello. Xa non había por onde andar. As táboas están todas vellas e rotas. Ao ir andando, debeu de irse a táboa para abaixo ao poñer o pé. Iso está perdido".
"Estaba a casa moi deteriorada, moi mal".
A Garda Civil investiga agora as circunstancias do suceso. Pola súa parte, o corpo do falecido foi trasladado a Lugo para practicarlle a autopsia.