CRTVG

Buscar

Investigan a morte dunha muller con signos de violencia na súa casa de Moaña

Publicado o 04/07/2021 09:43

• Os primeiros indicios apuntan a un homicidio

A Garda Civil coa colaboración da Policía Local de Moaña investiga o falecemento dunha muller de 72 anos tras atoparse este sábado pola tarde o seu cadáver nunha casa que posuía en Vilela, na parroquia moañesa de Tirán. Tiña as mans atadas e signos de violencia no pescozo. A casa estaba revolta.

Foi o seu fillo o que chamou a Policía despois de entrar por unha fiestra, xa que a súa nai non daba sinais de vida e el non era quen de abrir coa súa chave. Os primeiros que chegaron ao lugar do crime foron varios axentes da Policía Local de Moaña. 

A Policía Xudicial da Garda Civil e da Científica precintaron a casa e tomaron pegadas no escenario onde aparece o cadáver da muller. Non se desbota polo momento ningunha hipótese sobre a causa da morte polo que apunta a un crime, un caso de homicidio ou asasinato.

A muller foi vista o venres pola tarde polo que á espera do ditame forense, a morte puido producirse ese mesmo día pola noite ou ben o sábado pola mañá. A vivenda de baixo e un andar está situada ao pé da estrada a Moaña e está rodeada doutras casas próxima á ponte de Rande, o corredor do Morrazo e a AP-9.