CRTVG

Buscar

Rescatan o corpo do mariñeiro da Illa que afogou en Ons

Publicado o 14/02/2020 14:23

• A embarcación Punta Roncadoira atopou o cadáver preto da zona en que naufragou o martes na cuarta xornada de busca 

Hai tres días que o perdeu no mar e este venres rescatouno del coas súas propias mans. Este mediodía apareceu ao norte de Ons o corpo de Iván Harry Otero. Colleuno seu irmán Arturo, acompañado por unha ducia de mergulladores da Illa de Arousa. O cadáver chegou ás dúas e media a porto Cabodeiro. O lugar estaba ateigado de xente e de silencio.

Carlos Iglesias. alcalde da Illa de Arous:  " É unha traxedia que nos invade a todos o corpo e nos deixa un malestar no corpo que vai ser difícil de superar"

O mar dá leccións duras aos mariñeiros. Pero cando un deles se perde entre as ondas, son os mariñeiros os que nos dan unha lección aos demais. 14 mergulladores da Illa e todos os barcos da zona desafiaron estes días ondas de ata oito metros e os avisos de temporal. Ninguén se rende ata que non se atopa o compañeiro. Ninguén descansa ata que a familia do desaparecido pode descansar.

Carlos Iglesias, alcalde da Illa de Arousa: "Agradecer o traballo dos mariñeiros da Illa que participaron na busca de Harry. Un labor durísimo, nunhas condicións malísimas. Son uns valentes e demostraron que a solidariedade está por riba de todo".

Iván Harry perdeu a vida o martes. El, seu irmán Arturo e outro compañeiro foran a Ons a comprobar se había mexilla. Un golpe de mar envorcou a súa lancha e só dous deles conseguiron nadar ata terra. O Concello da Illa da Arousa decretou tres días de loito oficial. O falecido tiña só 30 anos.