Localizan o cadáver dunha muller nunha zona rochosa de Doniños
Un bombeiro fóra de servizo atopaba o corpo sen vida dunha muller nunha zona rochosa en Doniños, Ferrol.
Avisaba o 112, a Policía Local e os seus compañeiros pasadas as doce e media do domingo.
Foron os bombeiros de Ferrol os que rescataron o corpo dun lugar de acceso difícil nesta zona coñecida como Punta Penencia...
O cadáver foi arrastrado polas ondas cara á beiramar e foi visible durante a marea baixa.
Tamén se mobilizaron no operativo Salvamento Marítimo e Policía Nacional, que se fixo cargo do caso.
Á espera de confirmación oficial e dos resultados das probas forenses sospéitase que poida tratarse da veciña do barrio ferrolán de Caranza, duns 60 anos, que desapareceu o 10 de marzo.
A súa familia presentara daquela a denuncia e os equipos de emerxencia iniciaran nesta mesma zona un operativo de busca. Durante días rastrexaron o lugar por terra, mar e aire sen obteren resultados. Só un dos seus achegados atopara algunha das pertenzas da desaparecida.