CRTVG

Buscar

Localizan o cadáver dun mozo de 28 anos que levaba días desaparecido en Palas

Publicado o 09/06/2021 14:06

Tras cinco días desaparecido, o corpo de Grigore Mateiu, de 28 anos, foi localizado nun monte na parroquia de Augas Santas, en Palas de Rei. Un grupo de veciños que participaban nos labores de busca deron co seu cadáver a medio quilómetro en liña recta da casa da súa tía, onde acababa de instalarse.

"Levabamos desde o venres pola tarde. E estiveron buscando os de Protección Civil, con helicóptero, con drons e con cans e onte ao final atopámolo os veciños nunha carballeira", di un dos veciños que deron co corpo.

Ao parecer, o falecido tiña a síndrome de abstinencia por alcoholismo. Saíra da casa da súa familiar de noite, sen chaves e sen carteira, e todo indica que unha vez chegou ata esta lameira nas inmediacións do castro de Augas Santas, quedou atrapado e xa non puido saír con vida.

"Encontrámolo nunha poza de barro que el mesmo debeu de facer cos pés de tanto pelexar alí". "Fomos encontrando pezas de roupa, primeiro o isqueiro, logo un tenis, despois a chaqueta, un lugar onde estaba a maleza toda acamada, e ao final chegamos a onde o encontramos a el, nunha poza chea de lama", explican.

O caso, pendente agora do resultado da autopsia, está en mans do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo.

Noticias web

09/06/2021