CRTVG

Buscar

Localizan en Murcia un zulo nunha téxtil en que pechaban persoas explotadas laboralmente

Publicado o 12/12/2020 12:20

A Policía Nacional desmantelou na localidade murciana de Fuente Álamo unha organización criminal dedicada supostamente á explotación laboral de cidadáns estranxeiros. Os axentes localizaron 21 persoas en situación irregular nunha empresa téxtil, dos que oito estaban no interior dun zulo en condicións pésimas.

Como responsables da organización, detiveron un pai e os seus dous fillos, encargados dunha empresa familiar dedicada á adquisición de roupa usada para vender e distribuír en países africanos. Cando entraron na nave os inspectores de traballo e os axentes o empresario berroulles aos seus traballadores que escapasen e se agochasen. Catro deles lograron saltar o valado exterior.

O resto pecháronse canda o empresario detido nunha das naves durante quince minutos, tempo que aproveitou o propietario para agochar oito das súas vítimas nun zulo e taponar a saída con carros de roupa compacta tan pesados que era imposible que os traballadores puidesen saír polos seus medios, polo que varios axentes participaron no rescate.

O habitáculo foi construído durante os meses de confinamento para agochar persoas no interior no caso dunha intervencón policial. Os detidos captaban estranxeiros en situación irregular para traballar sen garantías legais durante longas xornadas de traballo. Aproveitaban a vulnerabilidade para sometelos a unhas condicións laborais durísimas.

Recibían dous euros de salario por hora de traballo cunha ausencia total de medidas de seguridade e hixiene. Eran 21 persoas as que traballaban nestas condicións tan penosas. Os detidos están a disposición xudicial por participaren nun delito contra os dereitos dos traballadores.








 

Noticias web

12/12/2020