CRTVG

Buscar

Localizan dous laboratorios de cocaína en Madrid que producían 300 quilos ao mes

Publicado o 04/09/2021 12:01

A Policía Nacional desmantelou dous laboratorios clandestinos con capacidade para producir 300 quilos de cocaína ao mes. Os axentes detiveron dez persoas en Madrid e en Navarra relacionadas con estas instalacións na localidade madrileña do Molar, onde procesaban cocaína a grande escala.

As investigacións comezaron en 2019 tras unha alerta de Colombia da existencia dunha rede dedicada ao tráfico de drogas con enlaces en España que tiñan previsto instalar un laboratorio clandestino. As pescudas confirmaron a existencia da instalación para procesar clorhidrato de cocaína nunha propiedade de alugueiro de vacacións rurais no Molar. Dispuñan ademais de dúas naves industriais para almacenar os disolventes.

A policía descubriu que os integrantes da organización que distribuían a droga estaban en Navarra. Unha operación dos GEO o 25 de agosto permitiu a detención dos dez membros da rede e houbo seis rexistros, entre eles o do laboratorio, que estaba a pleno rendemento.

Interviñeron vinte quilos de clorhidrato de cocaína, trinta de pasta base en proceso de conversión, catro bidóns con 120 litros de capacidade, máis de 1.300 litros de produtos químicos para a extracción do clorhidrato de cocaína e material para a manipulación.

O segundo dos laboratorios desmantelado estaba listo para ser instalado e tiña todo preparado no interior. En dous rexistros en Madrid detiveron o líder da organización e o seu lugartenente. A Policía incautouse tamén de seis vehículos de alta gama que utilizaban para o transporte da droga e para fornecer dos útiles precisos os laboratorios. Outras tres detencións realizáronse en Pamplona, dous homes e unha muller que se encargaban da distribución da droga.

 

Noticias web

04/09/2021