CRTVG

Buscar

Atopan no fondo do porto de Laxe o corpo do veciño de Baio desaparecido hai dez días

Publicado o 20/12/2020 16:38

Dous irmáns mergulladores encontraron afundido o vehículo do camioneiro de Baio no peirao comercial de Laxe a uns 12 metros de profundidade. O turismo estaba coas rodas cara arriba e co corpo dun home no seu interior, polo que todo fai indicar que se trata de Manuel Rodríguez, Manolo do Piñeiro, veciño do Allo en Zas, de 54 anos, que desapareceu hai dez días tras saír da súa casa supostamente en dirección ao seu posto de traballo como transportista. Nunca máis se soubo del. 

Os mergulladores sinalaron o punto en que apareceu o coche cunha baliza e agora agárdase que a Garda Civil e autoridade xudicial procedan ao levantamento do corpo para trasladalo ao hospital da Coruña, onde a autopsia determinará as circunstancias de morte. E agárdase tamén para que se poida proceder á retirada do turismo.

Durante estes días un dispositivo amplo de busca intentou sen éxito localizar a Manuel Rodríguez, que faltaba da casa desde hai dez días. Saíra sen dar ningunha explicación só escribiu supostamente unha nota aos seus fillos decíndolles que marchaba.

Levaba con el roupa nunha mochila e un cargador de móbil cando marchou no coche de cor azul. Dos seus pasos só se sabe que parou nun caixeiro onde retirou 40 euros e ingresou 700 na conta dun fillo. A súa quedou a cero. Desde aquela nada se sabía del.

A súa familia, ten dous fillos, denunciou a desaparición advertindo que non levaba a medicación que precisa para o seu problema cardíaco.

Mobilizouse toda a comarca na súa busca sen resultados ata este mediodía en que apareceu o seu corpo.

A Garda Civíl investiga as circunstacias do suceso, do que se descoñecen polo momento máis datos.