CRTVG

Buscar

Lobios sae do nivel máximo de restricións, Mos e A Pobra do Caramiñal farano o luns

Publicado o 05/06/2021 21:06

Tras a redución dos contaxios, o concello ourensán de Lobios saíu hoxe do nivel máximo de restricións, e xa se notou na actividade da vila e na afluencia de visitantes. Tamén deixarán atrás o nivel máximo os concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal, pero iso será o luns. Rematará o peche perimetral, recuperarán certa actividade na hostalería e as reunións de non conviventes.

Despois de 15 días completamente pechados e outros quince, os anteriores, só coas terrazas ao 50 %, o concello ourensán de Lobios por fin reabriu. Os establecementos de hostalería preparábanse para retomar a actividade. Entre os primeiros clientes da vila, estes tres mozos portugueses que percorren o Xurés coas mochilas ás costas.

Os excursionistas paran para aprovisionarse camiño das termas e os veciños poden por fin gozar dunha tapa e dunha conversa con non conviventes. Segue habendo restricións, pero de nivel medio, coa hostalería ao 30 % no interior.
Será o luns cando o concello pontevedrés de Mos abandone o peche perimetral e deixe de ter o nivel máximo de restricións. Prepáranse para abrir as terrazas, os que poden, tras unha situación que consideran insostible.
Desde o concello confían en acadar o nivel medio de restricións dentro dunha semana.

O concello coruñés da Pobra do Caramiñal tamén deixará atrás o nivel máximo de restricions o luns. É un paso pequeno pero moi significativo, porque supón a recuperación da mobilidade co resto da comarca da Barbanza e certa actividade na hostalería.
Recupéranse as xuntanzas con familiares e amigos. Iso si, entre a 1 e as 6 da mañá, só conviventes.
E aínda que a situación mellora, desde o concello non queren baixar a garda.

Insisten na necesidade de seguir respectando as normas e en non caer na relaxación para seguir controlando os contaxios.

Noticias web

05/06/2021