CRTVG

Buscar

Lisboa, que hoxe abre os centros comerciais, principal foco de contaxios en Portugal

Publicado o 15/06/2020 17:34
Lisboa, que hoxe abre os centros comerciais, principal foco de contaxios en Portugal

A rexión lusa de Lisboa e Val do Teixo, que hoxe abriu ao público os centros comerciais, segue sendo o principal foco da Covid-19 do país, xa que desde finais de maio acapara, do mesmo xeito que hoxe, o 90% dos  contaxios, debido a brotes xurdidos na periferia da capital.

Esta circunstancia provocou que o pasado 1 de xuño, cando comezou o desconfinamento da terceira fase da desescalada lusa, a única zona do país onde non se permitiu a apertura dos centros comerciais fose Lisboa, restrición que hoxe foi levantada.

Dos 346 novos positivos rexistrados hoxe, 300 corresponden á zona de Lisboa, segundo informou hoxe en conferencia de prensa a ministra de Sanidade de Portugal, Marta Temido.

Se a finais de maio a rexión de Lisboa e Val do Teixo apenas superaba os 10.000 contaxios de Covid-19, a día de hoxe rexistra 15.128 contaxiados, fronte aos 37.036 positivos en todo o país.

O número de falecidos aumentou en tres durante as últimas 24 horas, ata os 1.520 mortos desde o inicio da pandemia.

A maior parte dos brotes orixináronse nalgunhas zonas obreiras da periferia lisboeta como Azumbuja ou o barrio de Xamaica, onde se incrementaron os rastreos e os tests para controlar a propagación do virus. Segundo Temido, Portugal xa alcanzou o millón de tests de coronavirus desde o pasado 1 de marzo.

En declaracións aos xornalistas, o primeiro ministro luso, António Costa, asegurou hoxe que "a pandemia non está descontrolada" na rexión de Lisboa. Lembrou que "Portugal é o cuarto país que máis tests realizou por cada millón de habitantes", o que lanzou "a taxa máis baixa de positivos de Europa Occidental, en función dos tests realizados".

"Non hai máis crecementos, hai máis casos coñecidos", insistiu o primeiro ministro.