Limpeza nas praias da Illa de Arousa: retiran tres toneladas de residuos voluminosos
As mariscadoras da Illa comezan a xornada de limpeza na praia de Semuíño. Case ao tempo os mariñeiros inician os mesmos traballos no areal de Sapeira.
"Limpar, hai que limpar se non morre todo o marisco"
" Temos que limpar, vixiar, mariscar, todo"
"Nesta época é cando as praias están cheas de limo e cando máis hai que limpar no verán", din as mariscadoras.
Este sabado a xente do mar conta coa axuda de voluntarios da Obra Social de Abanca e van dedicar a mañá a retirar residuos voluminosos e de peso abandonados no litoral.
Saleta González da Obra Social de Abanca conta que "na actividade pesqueira quedan abandonados estes "mortos", que son estas rodas de coches e de camións que axudan ás veces a apoiar as embarcacións e quedan abandonadas. E a idea é colaborar con elas para que o banco marisqueiro estea o mellor posible"
"Hai que facelo con présa porque ás 11:53 é a baixamar e temos pouco máis dunha hora antes e unha despois por iso imos algo acelerados e intentando facelo o máis rápido posible".
Con présa e sen pausa retiraron uns 60 pneumáticos e uns 300 quilos de redes. Máis de tres toneladas de lixo que xa non prexudican os bancos marisqueiros nin os areais.
"Queremos colaborar coas mariscadoras", din varias voluntarias.
"O labor non é faceren elas a limpeza, o que temos é que intentar que non chegue isto ao mar. Digamos que isto é a solución final pero hai que traballar no previo, na concienciación para que non chegue o problema." afirma Saleta González.
Co seu traballo contribúen a recuperar as zonas de marisqueo nas mellores condicións. Con esta inciativa xa percorreron máis de media ducia de areais nos últimos meses nos que retiraron todo tipo de residuos.