Deixan en liberdade a parella da muller que foi rescatada dunha ventá en Pontevedra
Publicado o 28/09/2021 14:55

Liberdade sen medidas cautelares para a parella da muller que foi rescatada cando estaba colgando dunha ventá, nun cuarto piso en Pontevedra. O xulgado investígao agora por un suposto delito de violencia de xénero, tras a denuncia da vítima.
O home, de 65 anos, foi arrestado minutos despois de que a muller tratara de tirarse pola ventá. Ela contoulle á policía que levaba tempo sufrindo malos tratos e que ese día mantiveran unha discusión en que foi agredida.
O presunto agresor, que carece de antecedentes, está acusado de varios episodios de maltrato contra a muller, que puido salvar a súa vida grazas á rápida intervención policial e á colaboración dun veciño do edificio.