Liberbank aproba a súa fusión con Unicaja para crear o quinto banco de España

As xuntas de accionistas de Unicaja Banco e de Liberbank deron luz verde á súa fusión e á renovación parcial do consello de administración da entidade resultante nas súas reunións extraordinarias deste mércores, 31 de marzo.
As xuntas extraordinarias de accionistas celebráronse ás dez da mañá, en Madrid no caso de Liberbank, e en Málaga no de Unicaja Banco, aínda que de forma telemática, seguindo as recomendacións e restricións vixentes no marco da crise ocasionada pola covid-19.
Os accionistas de Liberbank aprobaron, cun 99,88 % dos votos, a absorción da entidade por parte de Unicaja Banco, mentres que os da absorbente tamén validaron a renovación parcial do consello de administración. Unha vez que as xuntas xerais extraordinarias de ambas as entidades aprobaron a fusión, completaríanse os procesos para o cumprimento das condicións ás que a mesma se suxeita.
Agora requiriranse os pronunciamentos da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia o Banco de España, o Banco Central Europeo, a Comisión Nacional do Mercado de Valores e a Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións. Finalmente, será a ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, quen autorizará a fusión en caso de obter o visto e prace de todos os organismos supervisores.
A absorción de Liberbank por parte de Unicaja Banco dará lugar ao quinto banco español tanto por activos como por depósitos. A ecuación de troco acordada polos consellos de ambas as entidades o pasado mes de decembro é de 1 acción de Unicaja Banco por cada 2,7705 accións de Liberbank, atendéndose o troco con accións de nova emisión de Unicaja Banco.