Liberan unha persoa do interior do seu vehículo tras saír da vía e bater cunha casa en Camelle

Unha saída de vía no concello coruñés de Camariñas obrigou a intervir os bombeiros de Cee, que tiveron que liberar a persoa tras quedar atrapada no interior do turismo.
O accidente tivo lugar ás 11:15 horas. Nese momento, un particular contactaba co 112 Galicia. Solicitaba axuda para socorrer os ocupantes dun turismo que chocara contra unha casa no lugar de Camelle.
Desde o 112 solicitouse a intervención dos profesionais sanitarios que, debido á gravidade da situación, optaron por mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que tomou terra moi preto do lugar dos feitos. Ata o punto tamén se desprazaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros de Protección Civil da localidade.
Unha vez liberada, os bombeiros confirmaron que a persoa ferida fora trasladada polos servizos sanitarios ata o centro hospitalario de referencia.