CRTVG

Buscar

Liberado o arrastreiro vigués apresado en Irlanda tras pagar máis de 100.000 euros de fianza

Publicado o 24/08/2021 15:29

O Punta Vixía navegaba a unhas 110 millas da costa irlandesa cando foi apresado por unha patrulleira, supostamente por infrinxir unha norma de pesca que aínda non especificaron.

"Parece ser que estaba realizando unha faena de pesca nas augas das 12 millas e, polo tanto, competencia de Irlanda. Agora acaban de depositar a fianza que lles impuxeron e verase o xuízo cando nos dean data. Todo isto está, por suposto, esperando a ver se é certo que estaba dentro de augas interiores de Irlanda ou non", informa ​Rosa Quintana, conselleira do Mar.

Este é o segundo barco galego que en menos de tres meses foi apresado en Irlanda.

"A raíz do 'brexit' existen certas tensións no caladoiro e, polo tanto, ese exceso de celo está provocando  a inspeccion, a retención de barcos de distintas frotas. Neste caso é un barco de bandeira francesa, pero co porto operativo en Vigo", apunta J​avier Touza, presidente de ARVI.

Os 12 membros da tripulación están ben. "Si, si, están todos ben e supoño que xa lle autorizarán a saída porque xa depositaron a fianza e, polo tanto,  autorizaranlles a saída e agora hai que agardar á lectura do xuízo", comenta a conselleira.

Dende a Cooperativa de Armadores de Vigo destacan as boas relacións que manteñen coas autoridades irlandesas polos estreitos vínculos que os unen, tanto dende o punto de vista pesqueiro, comercial como loxístico.

 

Noticias web

24/08/2021