CRTVG

Buscar

Leyma Coruña chega ás cinco vitorias co triunfo en Cáceres (71-78)

Publicado o 12/12/2020 10:52

O Leyma Coruña sumou o quinto triunfo da temporada na pista do Cáceres (71-78). Malia realizar un comezo de partido perfecto, tivo que sufrir ata o último cuarto para levar os puntos. 

O primeiro cuarto resultou demoledor, cun parcial de saída de 2-11 e un equipo local que non sabía como atacar a defensa do Leyma. McGhee facía moito dano en ataque (8 puntos) e a diferenza acabou en 15 puntos (5-20). 

No segundo houbo unha máxima de +18, pero Cáceres comezou a reaccionar a base de triplas. Conseguiu meterse no partido baixando dos dez puntos antes do descanso (32-40). 

O terceiro cuarto encamiñaba o partido cara un desenlace incerto. O ex do Leyma Jeff Xavier íase ata os 16 puntos e Cáceres conseguía poñerse por diante por primeira vez no partido (52-51). Ao remate do período a igualdade era máxima: 54-54.

Porén, no último cuarto volveu aparecer a mellor versión do Básquet Coruña. Monaghan e Jakstas resultaron fundamentais para ir abrindo unha pequena fenda no marcador con moito traballo ata ter oito puntos de marxe cunha tripla de Monaghan (61-69), unha vantaxe que xa non desaproveitarían. 

Noticias web

12/12/2020