CRTVG

Buscar

Galicia recupera a mobilidade en todos os concellos o luns

Publicado o 04/06/2021 15:13

• Mos e A Pobra do Caramiñal baixarán ao nivel alto de restricións, polo que deixarán de estar pechados e xa non haberá toque queda

• O resto de concellos quedarán no mesmo chanzo

 

A semana que vén non haberá ningún concello galego en restricións máximas. A partir do luns, 7 de xuño, vaise recuperar a mobilidade en todo o territorio. Tampouco haberá toque de recollida, nin bares e restaurantes totalmente pechados. Porén, continuará vixente a prohibición de xuntárense persoas non conviventes entre a 1:00 a as 6:00 horas.

Confírmase, polo tanto, que os dous municipios con máis limitacións, Mos e A Pobra do Caramiñal, viven xa as últimas xornadas de confinamento perimetral.

Acordouno a Dirección xeral de Saúde Pública logo de avaliar a evolución da pandemia nestas localidades e comprobar que cumpren cos criterios fixados polo comité clínico para cambiar de nivel.

Mos levaba varias semanas con malos datos. A día de hoxe a incidencia acumulada a 14 días é de 444 por cada 100.000. Na Pobra do Caramiñal, a incidencia sitúase nos 257 casos. 

A partir das 00:00 horas do vindeiro luns, ambos os dous pasan ao nivel alto. Deste xeito, ademais da mobilidade, recuperan parte da actividade hostaleira. Os locais poderán abrir cun 50 por cento de ocupación nas terrazas. 

Resto de municipios

O resto de municipios, segundo informa a consellería de Sanidade, seguirán nos niveis de restricións actuais.

En concreto, Ordes e Viveiro continuarán no chanzo alto. No medio, permanecerán Moraña, Ponteareas, Cenlle, Lobios, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos. 

 

Segue caendo a taxa de incidencia e as hospitalizacións

O conxunto de Galicia seguen mellorando os datos e está cada vez máis preto de entrar en risco baixo de covid. Cae a taxa de incidencia e a presion hospitalaria. Nas UCI quedan 15 doentes ea por primeira vez desde agosto non hai ningún na área sanitaria de Ourense. "É verdade que quince é mellor que 200 que tiñamos non hai tanto tempo, pero son 15 doentes con risco de falecer, algún ingresou nos últimos días, non nos descoidemos: seguimos contaxiándonos e segue habendo enfermos graves que entran na UCI", explicou Pedro Rascado. Intensivista CHUS e membro do comité clínico

16 positivos na fragata Almirante Juan de Borbón

Porque segue habendo contaxios, repuntas nalgúns concellos. En Ferrol detectouse un gromo no arsenal militar. Están contaxiados 16 militares da fragata Almirante Juan de Borbón e toda a dotación do buque, unhas 170 persoas, en corentena. Na xerencia da área sanitaria non relacionan este gromo coa repunta da incidencia na zona."As situacións puntuais non se xeneralizan. Non estamos nunha situación de trasmisión comunitaria así que é importante seguir avanzando nos rastrexos para asegurarse que se detectan pronto os casos para controlar a situación o mellor posible, sinalou Ángel Facio, xerente da área sanitaria de Ferrol.

O gromo detectado na Delegación da Xunta en Lugo suma xa 18 positivos tras o cribado da maioría do persoal. "O gromo está estabilizado, a partir de aí o que se vai facer é o seguimento coma con calquera positivo dos contactos estreitos", dixo Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte

Na delegación da Xunta na Coruña estase facendo o seguimento dun gromo que afecta tres traballadores.

Noticias web

04/06/2021