Levan cartos e maquinaria nos asaltos a varias naves do polígono de Barreiros
Varias naves do polígono industrial da Espiñeira, en Barreiros, foron asaltadas nunha mesma noite. Para entraren nas instalacións dun taller de camións, os ladróns forzaron a cancela e mais unha ventá que dá acceso ás oficinas. Unha vez dentro, roubaron unha caixa que contiña uns 300 euros en metálico. Noutra empresa, dedicada á venda de madeira, forzaron as portas de varios camións. Nun deles, roubaron unha motoserra profesional valorada nuns 1.200 euros.
"Aquí entraron no terreo, onde había cabezas tractoras aparcadas. Forzaros as portas dos camións e nalgúns entraron. Levaron unha motoserra valorada nuns 1.200 euros. Na nave non entraron, pero tiñamos camións aparcados aos lados. Levaron o único que había de valor dentro dos camións", di Alba Álvarez, administrativa dunha das empresa afectadas.
Os feitos foron denunciados perante a Garda Civil, que investiga agora a autoría dos roubos. De feito, os axentes estiveron a revisar as cámaras de seguridade do Concello de Barreiros e das empresas do polígono.
"Puxemos denuncia, e supoño que o resto de naves tamén. Temos cámaras de seguridade, que os gravaron. Xa presentamos as imaxes ante a Garda Civil. Supoño que farán algo, digo eu", relata Alba Álvarez.
A mesma noite en que se produciron os roubos nas naves deste parque empresarial, no concello veciño de Foz sospéitase que a mesma banda tamén asaltou o punto limpo e mais un bar do centro.