CRTVG

Buscar

Leopoldo López refúxiase na residencia do embaixador español en Caracas pero non pide asilo político

Publicado o 01/05/2019 20:28

O Goberno confirmou que Leopoldo López e a súa familia se refuxiaron na residencia do embaixador español en Caracas, pero que non pediu asilo político. 

Esta é a residencia do embaixador español, o lugar onde se refuxiou Leopoldo López nalgún momento do martes, despois de ser liberado polos militares que custodiaban o seu arresto domiciliario, de deixarse ver polas rúas de Caracas e de permanecer durante unhas horas na embaixada de Chile.

Confirmouno o Goberno este mércores. O dirixente opositor permanece alí, coa súa muller e a filla de 15 meses, por decisión propia. Polo mesmo que non pediu asilo político aínda que xuridicamente podería facelo, segundo seu avogado.

A residencia do embaixador goza, como a propia embaixada, de inmunidade diplomática. Está en calidade de hóspede. Alí pode traballar, recibir xente e convocar os medios, pero non pode ser detido.

O líder do Partido Popular pronunciouse a través deste chío sobre a situación de Leopoldo López: "O Goberno ten que garantir a súa seguridade. Non é só unha obriga, senón o deber coa defensa da liberdade e os dereitos humanos".

Leopoldo López estaba preso desde 2014, condenado a 13 anos de cárcere por alentar, segundo a xustiza chavista, as protestas que deixaron 43 mortos no país. Desde 2017 estaba en arresto domiciliario.




 

Noticias web

01/05/2019