CRTVG

Buscar

Leopoldo López, multado nunha terraza de Cambados por saltar o peche perimetral

Publicado o 30/03/2021 20:08
Leopoldo López, multado nunha terraza de Cambados por saltar o peche perimetral

A Policía Local de Cambados propuxo para sanción ao líder opositor venezolano Leopoldo López, que se atopaba este martes nunha terraza do municipio, por saltar o peche perimetral. Diso informa  o concelleiro de Seguridade Cidadá de Cambados Tino Cordal, quen explica que a Policía Local realizaba un control rutineiro sobre as 15:30 horas deste martes no cal se identificou a Leopoldo López nunha terraza da céntrica praza de San Gregorio, onde estaba coa súa muller Lilian Tintori, outra parella e menores. 

Nun contexto de peche perimetral entre comunidades en España como medida contra a pandemia, ambas as parellas achegaron un documento xustificativo para poder desprazarse. A Policía Local inicia este expediente sancionador que se remite á Xunta de Galicia, que decidirá agora sobre se se multa ou non a Leopoldo López e o resto de persoas que se atopaban con el neste municipio.

E é que o Concello de Cambados adheriuse a un convenio polo cal o Goberno galego se encarga da tramitación das propostas de sanción por multas anticovid−19. No informe que lle remite a Policía Local anéxanse os xustificantes presentados por Leopoldo López e o resto de persoas.

Tino Cordal explica que a Policía Local realiza unhas 250 inspeccións semanais de medidas anticovid−19, aínda que nestes días se intensifican ante a festividade da Semana Santa.