CRTVG

Buscar

Lence, Norvento e Agroamb únense para crear unha planta de biogás en Lugo

Publicado o 29/03/2021 13:50
Lence, Norvento e Agroamb únense para crear unha planta de biogás en Lugo

O grupo lácteo Lence, a compañía Norvento, do sector das enerxías renovables, e Agroamb, dedicada ao tratamento de residuos orgánicos, anunciaron a posta en marcha do proxecto Riazor.

Segundo informan, trátase dunha "innovadora planta de xestión circular de residuos e xeración de biogás" que vai ter a súa sede no polígono industrial do Ceao, na cidade de Lugo. Os promotores da iniciativa teñen previsto un investimento conxunto de 7,5 millóns de euros.

O seu obxectivo, subliñan, será "valorizar residuos orgánicos e non perigosos xerados principalmente na industria láctea". Porén, "ofrecerá a outras industrias agroalimentarias e organismos públicos locais a oportunidade de xestionar os seus residuos", aseguran.

As instalacións van mesturar "unha planta de biogás, un sistema de zonas húmidas e un sistema biolóxico para a eliminación de olores". Calculan que terá capacidade para xestionar "unha media de 55.000 toneladas de residuos anuais" para xerar biogás "inxectado e comercializado a través da rede nacional de gas natural".

As estimacións que manexan os impulsores do proxecto é que, durante a súa vida útil, a planta evite "emisións de gases de efecto invernadoiro por un volume de 37.300 toneladas de CO2 equivalentes".

Do mesmo xeito, prevén que os restos da planta permitan xerar "un compost orgánico destinado ao sector primario e un efluente líquido que será tratado nun sistema de zonas húmidas situado nas súas instalacións". A finalidade é asegurar que "outros compostos químicos, coma o nitróxeno, se capturen de xeito eficiente no proceso".