CRTVG

Buscar

Enfrontamento con insultos no último pleno da Deputación de Lugo

Publicado o 30/04/2019 20:29

Representantes da Deputación de Lugo acabaron cun intercambio de insultos nunha disputa no que constitúe unha das últimas sesións plenarias desa institución, entre intentos do presidente, Darío Campos, de manter a calma.

A lea foi protagonizada entre dous ex-compañeiros socialistas, o deputado Manuel Martínez e o alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega durante un debate sobre a apertura de residencias para persoas maiores a Deputación de Lugo, momento no que o primeiro pediu a palabra e, supostamente, o segundo chamouno “fillo de mala nai” e mandouno “a tomar polo cu”.

Martínez, alcalde de Becerreá, pediu entón a Campos aplicar “a doutrina Martínez” e botalo da sala pola súa “falta de respecto”, ao que Rodríguez Ónega contestou chamándolle “ merdán” e facendo varios cortes de manga en dirección ao deputado non adscrito.

“Non ten pelotas a botalo o presidente. Dáse conta. Non lle aplica a doutrina Martínez”, dixo o alcalde de Becerreá”, mentres o presidente da Deputación tentaba facer calar ao deputado Rodríguez Ónega. Entón Campos díxolle a Martínez que o primeiro que faltara no pleno fora el por “aplaudir” a intervención dun compañeiro, polo que o alcalde de Becerreá animouno a expulsalo por eses aplausos, pero tamén a non permitir que o insultasen no pleno provincial. “Pido a palabra, por alusións. Nomeouse á miña nai. A primeira vez nesta institución que se nomea á miña nai. Díxome que son un fillo de mala nai e mandóume a tomar polo cu. Obviamente non creo que me de el. Creo que isto merece unha reprobación pola súa banda e que o bote fóra”, insistiu Martínez.

“Eu non oín iso”, dixo Campos, ao que Martínez respondeulle que a el “botábao” do pleno por bastante “menos”. “Vasme reprobar ti a min”, volveu encararse Rodríguez Ónega con Martínez, a quen volveu chamarlle “merdán”. “Espero que conste en acta todo isto, porque a falta de respecto é total e absoluta”, insistiu, Martínez, mentres que a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo tentaba levar ao seu compañeiro de grupo, un Rodríguez Ónega que insistía en que non ía marcharse do pleno.

“Vostede merécese ser reprobado”, volveu á carga Martínez en alusión ao presidente da Deputación, porque “aquí ten que defender a todos os deputados e non só aos seus e cando Manuel Martínez fixo algo, segundo vostede, de moita menor importancia, non lle dixo tres veces alto, botouno fóra”. Con todo, “agora traga, traga e traga porque é un amigo seu, pero é un maleducado”, pola “falta de respecto e os insultos que lle dedicou a este deputado”, insistiu Martínez. Nese momento, con López Izquierdo tentado de novo acougar a Rodríguez Ónega, que volvía encararse con Martínez, os dous deputados do BNG anunciaron a súa intención de abandonar o pleno provincial. “Nós neste momento abandonamos este pleno. É unha mágoa que termine así esta lexislatura. O BNG abandona este pleno”, dixo o deputado nacionalista galego Antonio Veiga.

Noticias web

30/04/2019