CRTVG

Buscar

Novo sismo en Laza, de 3,9 de magnitude, o máis potente dos últimos 24 anos en Galicia

Publicado o 22/05/2021 11:51

Laza é o epicentro do sismo que se rexistrou esta noite, pasadas as doce e media, cunha intensidade de 3,9 na escala de Richter. Sentírono en boa parte de Galicia, con ducias de notificacións dende as cidades de Vigo e Ourense, pero houbo quen dixo percibilo incluso en Fene, segundo lle consta ao Instituto Xeográfico Nacional. O seu homólogo portugués rexistrouno tamén; do outro lado da raia notárono en Terras de Bouro e en Braga. 

Nos puntos máis próximos ao epicentro de Laza sentiuse con intensidade catro, moderada, semellante ao paso dun camión grande, perceptible dentro dos edificios. Despois deste aínda houbo máis dunha decena na mesma zona, xa menores, coma o das dúas menos cuarto, de 2,5, ou o das sete da mañá, de 2,9. Ourense leva así varios días, vivindo un fenómeno que chaman enxame sísmico, con máis de medio cento de tremores, case unha vintena en Laza nas últimas 24 horas.

Xusto mañá fará 24 anos do maior tremor rexistrado en Galicia, o de Triacastela, que en 1997 chegou a unha magnitude de 5,1.

Noticias web

22/05/2021