CRTVG

Buscar

Laza rexistra unha trintena de tremores, o máis forte de 3,4 graos na escala de Richter

Publicado o 18/05/2021 14:10

"O máis forte foi o sábado. Eran as once e vinte (da noite), estaba sentada e moveuse o sofá e nun moble estrondaron os cristais, ata os pratos bailaron", conta unha veciña da aldea de Matamá, en Laza.

Como ela, a maioría da veciñanza do concello sentiu estes días os tremores que se suceden no municipio. Dende o xoves pasado, levan rexistrados case 30. O de maior magnitude segundo o Instituto Xeográfico Nacional foi de 3,4 graos na escala de Richter. O resto, entre 1 e 2.

"Durou uns 30 segundos. Sentímolo nas casas. Chámanlle enxames", conta un veciño. Os tremores deixáronse sentir tamén nos concellos limítrofes de Sarreaus, Castelo do Val ou Verín, e tamén houbo réplicas menos intensas no concello de Vilar de Barrio.

Esta mesma madrugada a terra volveu tremer levemente. Segundo o persoal especializado, esta actividade sísmica entra dentro do normal. O tremor de maior magnitude puideron sentilo tamén en lugares como Ourense ou Chaves.

Noticias web

18/05/2021