CRTVG

Buscar

"Karim" deixa a súa pegada en Galicia con ventos de máis de 150 km/h e moita chuvia

Publicado o 20/02/2021 15:35

Sábado desapracible nunha xornada de chuvias abondosas e ventos fortes en Galicia. Co paso da treboada Karim mantéñense os avisos por precipitacións que poderían acumular ata 80 litros por metro cadrado e refachos de vento de máis de 100 quilómetros por hora. Estarán activos ata a madrugada do domingo.

En Vimianzo houbo ventos de ata 135 quilómetros. A influencia desta borrasca ao oeste de Irlanda provocou ventos do sur fortes ao longo da xornada. Tamén se superaron os 100 quilómetros por hora en sitios como punta Candieira, en Cedeira, (122,4 km/h); Penedo do Galo, en Viveiro, (116,2 km/h); Río do Sol, en Coristanco, (111,4 km/h); e punta Lagosteira, en Arteixo, (110 km/h). Na noite deste venres entrou unha fronte que deixou nubes con choivas por todo o oeste e unha mala situación no mar (ondas de case seis metros).

Os paseos das Avenidas, Bouzas e Samil, así como o espigón da zona do Real Club Náutico, en Vigo, permanecerán pechados durante toda a fin de semana, como medida de precaución ante a previsión de mal tempo. Así o confirmaron fontes do Concello olívico e da Autoridade Portuaria, que detallaron que, para garantir a seguridade dos viandantes, non se permitirá o paso por estas zonas.

As provincias da Coruña e Pontevedra atópanse en aviso laranxa por precipitacións, unha alerta que se manterá desde a tarde do venres ata o sábado e que se suma ao aviso do mesma cor que afecta a todo o litoral galego. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta decidiu activar este aviso ante a previsión de precipitacións acumuladas en 12 horas de 80 metros cadrados no suroeste da provincia da Coruña, nas Rías Baixas e no interior de Pontevedra.

Este aviso por choivas únese á alerta laranxa, decretada no mediodía deste venres, por ventos de ata 100 quilómetros por hora en todo o litoral galego, onde tamén se espera mar combinado, con ondas que poden alcanzar os 7 metros na costa da Coruña. Ambos os avisos, tanto o de choivas coma o de vento na costa, continuarán vixentes este sábado, día en que, ademais, Meteogalicia manterá en aviso amarelo a práctica totalidade do interior galego por precipitacións.

Noticias web

20/02/2021