CRTVG

Buscar

Kamala Harris, senadora afroamericana, a primeira muller negra vicepresidenta dos Estados Unidos

Publicado o 07/11/2020 18:15
Kamala Harris, senadora afroamericana, a primeira muller negra vicepresidenta dos Estados Unidos

A senadora afroamericana Kamala Harris, de 56 anos, completa o tándem presidencial dos demócratas para o próximo mandato nos Estados Unidos. A figura histórica de Harris como primeira muller vicepresidenta dos Estados Unidos e afroamericana de orixe asiática e californiana terá case con seguridade un peso moito máis específico que o dalgún dos seus predecesores. Política e avogada foi senadora por California desde 2017. Harris naceu en Oakland nunha familia de inmigrantes: unha nai orixinaria da India e un pai xamaicano. Criada pola nai, Harris medrou ligada de xeito estreito á súa herencia no sur de Asia. Estudou na Universidade Howard, un dos centros históricos afroestadounidenses de estudos superiores do país.

Descríbese a si mesma como estadounidense. En 2003 despois dunha carreira ligada á fiscalía foi elixida fiscal do distrito de San Francisco e gañou as eleccións como Fiscal Xeral de California en 2010 e reelixida en 2014.

Nas eleccións ao Senado en 2016 converteuse na primeira muller afroamericana e a primeira surasiática en servir o Senado dos Estados Unidos. Desde a cámara avogou pola reforma do sistema de saúde, a legalización federal do cánnabis, un camiño para os inmigrantes indocumentados, a lei DREAM, a prohibición das armas de asalto e unha reforma fiscal progresiva. Alcanzou perfil nacional polos cuestionamentos a funcionarios da administración Trump durante as audiencias no Senado.

Postulouse para a candidatura presidencial demócrata en 2020, pero finalizou a campaña en decembro de 2019. Os demócratas elixírona para acompañar a Biden porque a consideran presidenciable, dada a idade de Biden, 77 anos, que podería optar a non presentarse á reelección en 2024.