Julio Abalde é reelixido reitor da Universidade da Coruña

O catedrático de Microbioloxía Julio Abalde foi reelixido reitor da Universidade da Coruña (UDC) nas eleccións celebradas este mércores, nas que obtivo 3.197 votos, o 70,15 %, fronte aos 1.429 votos (29,85%) do outro candidato, Fernando Martínez Abella.
O candidato de Nova Luce, Julio Abalde, recibiu 1.569 votos do profesorado doutor con vinculación permanente; 438 do resto de profesorado docente e investigador; 905 do estudantado e 285 do persoal de administración e servizos.
Martínez Abella recibiu 790 votos do profesorado doutor con vinculación permanente; 117 do resto de PDI; 391 do estudantado e 131 do PAS.
O total de persoas que votaron é de 4.626, mentres que houbo 146 votos en branco.
O total de participación foi do 26,16 %, mentres que os alumnos tiveron unha participación do 18,32%, por baixo do 27 % de fai catro anos, pero maior que o 10% habitual nas universidades españolas.
A participación ascendeu ao 86,60 % no sector do profesorado doutor con vinculación permanente; ao 69,81% entre o resto de persoal docente e investigador e ao 79,03 % no persoal de Administración e Servizos.
"Non houbo ningún problema ao longo da xornada, non caeu ningún servidor. Todo o que quixo votar, puido facelo nun sistema moi seguro que garante a confidencialidade", apuntou o secretario xeral da UDC Carlos Aymerich no Reitorado tras o escrutinio.
Pola súa banda, o reitor, Julio Abalde agradeceu "a todos os sectores" por darlle "un magnífico resultado que certifica que o labor do equipo de goberno é recoñecido por toda a Universidade".
"Esta é unha vitoria colectiva, dun goberno aberto e participativo que propicia o debate", apostilou Abalde, que asegurou que no próximos catro anos, o seu último mandato, a súa prioridade seguirá sendo a "defensa do ensino público galego e de calidade".
Así, agregou que pretende "mellorar as condicións laborais"; seguir prestando atención ao estudantado e "dun modo preferente aos que teñen problemas económicos", así como poñer no centro a transparencia, a sustentabilidade e a loita pola igualdade.
Un total de 18.245 persoas da comunidade universitaria -profesores, estudantes e persoal de administración e servizos- estaban convocadas este mércores para participar no proceso electoral que se celebrou desde as 10.00 ata as 19.00 a través do sistema de voto electrónico.
O sistema de voto ponderado concede o 51 % ao sector do profesorado doutor con vinculación permanente; o 12 % ao resto de persoal docente e investigador; o 28 % para o estudantado e o 9 % corresponde ao persoal de administración e servizos.