CRTVG

Buscar

O presidente encargado de Venezuela recibe as chaves da vila de Madrid

Publicado o 25/01/2020 18:48

O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida e a vicealcaldesa, Begoña Villacís, entregaron as Chaves de Ouro da capital ao presidente da Asamblea Nacional de Venezuela, Juan Guaidó, por ser "o auténtico presidente de Venezuela" e por "representar a libertade fronte á tiranía, a democracia fronte á ditadura e a razón fronte á forza". Guaidó afirmou que este recoñecemento mostra "que os venezolanos non estamos sós".

A oposición endurece a críticas a Pedro Sánchez por delegar na ministra de Exteriores o encontro co líder venezolano. O presidente encargado de Venezuela vaise reunir antes co presidente do Partido Popular e pola tarde tamén ten encontros institucionais do concello e da Comunidade de Madrid antes de participar nunha concentración coa comunidade venezolana.

Na véspera da súa visita a España, Juan Guiadó estivo en París onde se reuniu con presidente Emmanuel Macron no pazo do Elisio. Logo desa xuntanza a porta pechada, que durou arredor dunha hora, o líder venezolano referíase ao seu paso hoxe por Madrid e quitáballe importancia ao feito de non ser recibido por Pedro Sánchez.

"España é un aliado da democracia, da liberdade. Espero e estou seguro de que se manterá desa maneira e seguiremos insistindo en traballar con todos", di Juan Guaidó, Presidente da Asemblea Nacional de Venezuela.

Nada máis aterrar en Madrid, Guaidó reunirase co líder da oposción, Pablo Casado, arredor das tres e media da tarde. Despois da xuntanza co presidente do PP,  recibirao a ministra de Exteriores en nome do Goberno. Arancha González Laya insiste en que o executivo o recoñece como "presidente encargado de Venezuela.

"A contribución que España pode facer agora no tema de Venezuela é contribuír a que se celebren unhas eleccións libres, transparentes e democráticas, nas que o pobo venezolano poida decidir como quere gobernarse para o futuro. Aí é onde ten que estar España e non en polémicas estériles", afirma a ministra de Exteriores.

Pola tarde agardan a Guaidó na casa do concello en Cibeles, onde o van recibir "con honores "de xefe de Estado. O alcalde, Martínez Almeida faralle entrega das chaves da cidade. Un acto ao que asistirá tamén a vicealcaldesa Begoña Villacís, entreoutras autoridades. Máis tarde a presidenta, Isabel Díaz Ayuso, outorgaralle a Medalla Internacional da Comunidade de Madrid.

E logo dos actos protocolarios, o líder venezolano rematará a xornada cun encontro con compatriotas na Porta do Sol, onde convocaron unha concentración para amosarlle o seu apoio.

Un ano despois de haberse autoproclamado presidente interino e logo de ser recoñedio presidente encargado de Venezuela por máis de 50 países, Guaidó viaxou por Europa, nos últimos día na busca de apoios contra Nicolás Maduro.
 

Noticias web

25/01/2020