CRTVG

Buscar

O Lugo asina a Josep Señé e agarda fichar dous futbolistas máis antes do inicio da liga

Publicado o 03/08/2021 13:13

O centrocampista catalán estivera no Celta de 2015 a 2017

O Lugo segue confeccionando o seu cadro de xogadores para a vindeira temporada. Despois das incorporacións de Borja Mayoral (cedido), Juan Antonio Ros, Chris Ramos e Diego Alende (cedido); o conxunto albivermello anunciou hoxe a fichaxe do centrocampista de San Cugat del Vallés​​​ Josep Señé.

"Faleino con el, a súa versión do Lugo ten que ser mellor ca da Cultural", comentou o director deportivo do Lugo, Mauro Pérez. Pérez considera que a posición por diante do pivote é a idónea para o futbolista.

Señé militara no filial do Celta no ano 2015 e formou parte do primeiro equipo dende ese ano ata 2017, cando marchou á Cultural Leonesa. Chega procedente do Mallorca. A temporada pasada militou no Castellón en calidade de cedido.

"Con esta incorporación quedaría pechado o centro do campo. O lateral dereito seguro non chega para a primeira xornada, o central agardamos que estea aquí a semana próxima e co extremo ou dianteiro que poida xogar en banda esquerda non queremos precipitarnos", dixo Mauro Pérez na presentación oficial de Diego Alende sobre a confección do cadro de futbolistas.

 

Noticias web

03/08/2021