José María leva localizados máis de 1.400 pozos durante os 50 anos que pasou buscando auga
Aos seus 85 anos, don José María leva repetido este ritual case mil cincocentas veces. Caeu na conta de que o podía facer cando, de mozo, viu traballar outro zahorí buscando auga con este sistema ancestral.
Non lle acordou o conto ata que moitos anos despois precisou indicarlles aos poceiros onde furar para facer o pozo da reitoral dunha das parroquias que tivo ao seu cargo.
Empezou a facelo só coa variña de salgueiro verde que lle permite localizar as correntes de auga, pero co tempo foi estudando a maneira de traballar con máis precisón e engadiu o péndulo que lle axuda a dar co punto de máximo caudal. E logo emprega uns imáns e un cable para fixar a fondura. Este ano localizou dezaseis novos mananciais coa mesma precisión de sempre.
Pensa seguir así mentres a saúde llo permita, porque considera que este é un servizo máis que debe prestar desinteresadamente á comunidade. E tamén está disposto a ensinarlle o que sabe a calquera que teña a sensibilidade precisa para poder facelo.