CRTVG

Buscar

"Penso que vai haber unha repunta no turismo náutico, malia que o tempo nos vai condicionar"

Publicado o 01/06/2020 12:18

Optimismo prudente en todo o sector turístico. Na última semana están aumentando as reservas, pero cun cambio de preferencias. Esperta especial interese o turismo náutico, para escapar das aglomeracións das praias.

José Manuel Fernández, vicepresidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas, di que están sorprendidos de que entidades que estaban traballando no Mediterráneo se decantaran por Galicia.

"Hai demanda para facer turismo familiar (...). Estamos pendentes de que se pechen as datas", apunta Fernández. Fálase de grupos de entre 6 e 12 persoas para realizar as actividades. "Penso que vai haber unha repunta, malia que o tempo nos vai condicionar", di o vicepresidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas.

"As casas de turismo rural vinculadas ao turismo náutico están tendo un montón de chamadas e reservas para efectuar, sobre todo, actividades", engade José Manuel Fernández.

Con todo, preocúpalles a masificación. "Este vai ser o ano de Galicia. Vai ser unha boa entrada para que o turismo náutico se active". Consideran que o que lle teñen que dar ás empresas é seguridade e que o problema pode xurdir ao unir grupos dispares.

"Un grupo familiar pechado de 5 ou 6 persoas non vai ter ningún problema. O problema sería meter unha persoa allea a ese grupo", matiza Fernández.

 

 

Noticias web

01/06/2020