José Antonio Nieto di que o 1-O se celebrou porque os Mossos o permitiron
José Antonio Nieto, o que fora número dous do ministro Zoido en Interior, responsabilizou a Generalitat e a cúpula dos Mossos do que sucedeu o un de outubro. Dixo que o ex-conseller Forn e os responsables da policía autonómica ingnoraron as resolucións xudiciais e facilitaron o referendo ilegal. E que iso foi o que obrigou os corpos de seguridade a intervir, aínda que rexeitou falar de cargas policiais.
José Antonio Nieto, ex-secretario de Estado de Seguridade: "Tecnicamente non houbo nada que se axuste á definición de cargas policiais. Houbo uso da forza, pero foi o mínimo e imprescindible".
Este luns declarou tamén o presidente do Parlamento catalán. Roger Torrent defendeu a actuación da súa antecesora, Carme Forcadell, na tramitación das leis de ruptura, porque di que cumpría co mandato da Mesa do Parlamento. Asegurou que el actuaría igual.
Roger Torrent, presidente do Parlamento de Cataluña: "Foron leis que nos permitiron votar. Eu votei o un de outubro, votaron dous millóns de cataláns, e teñan presente que volveremos votar".
Dous dos membros da Mesa do Parlamento, un de Ciudadanos e outro do PSOE coincidiron en declarar que a tramitación das leis de ruptura catalás foi excepcional tanto nos prazos como na forma. O ex-letrado maior da Cámara declarou que fixeron múltiples advertencias de que se estaba vulnerando o mandato do Tribunal Constitucional e das consecuencias penais que podía carrear.