CRTVG

Buscar

Jorge Prado: "Soño con gañar en Madrid como fixen o ano pasado"

Publicado o 13/10/2021 11:25

• O piloto lugués engadiu: "Vai ser un día histórico e para calquera piloto gañar no seu país é o máximo, é a ocasión perfecta"

Jorge Prado: "Soño con gañar en Madrid como fixen o ano pasado"

O galego Jorge Prado, dobre campión do mundo de motocrós da categoría MX2, que en 2020 logrou o dobrete na cita española do campionato do mundo da especialidade en Xanadú en Arroyomolinos, recoñece que "soña" con gañar nese escenario, aínda que os seus últimos días foron un tanto atarefados.

Gañou a primeira rolda en Alemaña, chocou no aire co neerlandés Jeffrey Herlings, foi evacuado a un hospital onde o interviñeron para pecharlle unha profunda ferida, viaxou a Bélxica a recuperarse, armouse de valor e decoro para ir correr a Francia e sumar uns saborosos puntos.

Despois de doce grandes premios pelexando cos mellores polo título máis caro dos últimos anos, o tres veces campión do mundo afronta a semana coa motivación intacta, a pesar de todo o sufrido: "Díxeno no principio do ano e sígoo dicindo, soño con gañar en Madrid como fixen o ano pasado, pero esta vez ante o meu público, coas bancadas cheas de afeccionados. Sei que vai ser difícil, pero espero chegar totalmente recuperado".

"O ano pasado foi moi estraño, aínda que gañei, non sentía estar nunha carreira, parecía que estaba a adestrarme porque faltaba o público, pero este ano vai ser distinto, co ruído da afección, que sempre che dá un plus. Pódoo imaxinar: os cinco mellores do mundo competindo e a afección gritando; pode ser o mellor gran premio do ano e eu vou dalo todo", sinala Prado nunha entrevista distribuída polo seu equipo.

Ao ser interpelado pola responsabilidade de correr na casa e o posible medo escénico, Jorge Prado recoñece: "Si, claro que si, a presión de ter que gañar sempre che afecta aos nervios. Pero creo que son nervios bos. Vai ser un día histórico e para calquera piloto gañar no seu país é o máximo, é a ocasión perfecta".