Johnson ordena tres semanas de confinamento obrigatorio no Reino Unido
Publicado o 23/03/2020 22:45
O primeiro ministro británico, Boris Johnson, ordenou este luns o confinamento obrigatorio dos británicos nos seus fogares durante polo menos tres semanas para tratar de frear a expansión do novo coronavirus. Só se permitirá saír á rúa para facer a compra, realizar unha actividade de exercicio ao día (correr, camiñar ou montar en bicicleta), por razóns médicas ou para coidar a persoas vulnerables e tamén para acudir ao traballo en caso de "absoluta necesidade", indicou o xefe do Goberno.
Desde esta noite, a policía impoñerá sancións a quen incumpra as medidas anunciadas, precisou Johnson nun discurso desde a súa residencia oficial de Downing Street. O Executivo británico limitouse ata o de agora a recomendar aos cidadáns que mantivesen o "distanciamento social" e a decretar o peche de pubs, restaurantes e outros locais de lecer. Agora, por contra, todos os comercios que non vendan produtos esenciais, como tendas de roupa e electrónica e mais espazos relixiosos, deberán manter as súas portas pechadas. Suspéndense así mesmo todos os eventos sociais e cerimonias, incluídas vodas e bautizos, fóra dos funerais.
Os parques continuarán abertos para permitir o exercicio ao aire libre, aínda que as forzas de seguridade dispersarán calquera reunión de máis de dúas persoas que non vivan no mesmo domicilio. O endurecemento das medidas no Reino Unido levouse a cabo despois de que este luns se detectaran 967 novos casos de COVID-19 no país e 335 mortes, 54 máis ca o día anterior. "Sen un enorme esforzo nacional para deter o avance deste virus chegaría unha situación a que ningún sistema sanitario do mundo podería facerlle fronte. Porque non habería suficientes respiradores, camas de coidados intensivos, médicos, nin enfermeiras", afirmou Johnson.
"Como vimos noutros lugares, en países que tamén contan con fantásticos sistemas sanitarios, ese é o momento realmente perigoso", agregou. O Goberno analizará o avance do virus dentro de tres semanas e "relaxará" as medidas se se dan as condicións adecuadas. "Polo momento, non hai opcións sinxelas. O camiño por diante é duro, e é certo que moitas vidas se van, tristemente, perder", dixo Johnson.
Antes do discurso do xefe do Executivo, o ministro de Exteriores, Dominic Raab, urxiu a todos os turistas británicos e "viaxeiros de curta duración" no estranxeiro a que regresen ao Reino Unido de inmediato "mentres aínda hai dispoñibles voos comerciais". "Algúns turistas británicos noutros países xa están a atopar dificultades para regresar ao Reino Unido debido ás restricións internacionais", advertiu Raab, que alertou de que moitas aeroliñas están a suspender voos e numerosos aeroportos en todo o mundo están a pechar, "algúns deles sen aviso previo.