CRTVG

Buscar

Johnson and Johnson retoma o envío da súa vacina a Europa tras o aval da EMA

Publicado o 20/04/2021 19:15
Johnson and Johnson retoma o envío da súa vacina a Europa tras o aval da EMA

Johnson & Johnson anunciou este martes que renovará o envío de vacinas anticovid da súa subsidiaria Janssen a Europa, incluíndo información sobre as súas contraindicacións, tras o aval da Axencia Europea do Medicamento (EMA). 

Nun comunicado, a firma con sede en New Brunswick (Nova Jersey) fíxose eco das recomendacións emitidas hoxe polo comité de seguridade (PRAC) da EMA tras investigar oito casos de  tromboembolismos moi raros detectados en pacientes vacinados con Janssen en EUA. J&J "segue comprometido coa provisión de 200 millóns de doses" da súa vacina para a Unión Europea, Noruega e Islandia, agregou. 

"Seguindo a recomendación do PRAC, a compañía renovará o envío da vacina de covid-19 de  Janssen á Unión Europea, Noruega e Islandia. A información actualizada da EMA e os profesionais sanitarios estará dispoñible para as autoridades sanitarias nacionais", explicou. 

A EMA atopou este martes un "posible vínculo" entre o desenvolvemento de coágulos sanguíneos moi raros e a vacina da covid-19 de Janssen, pero confirmou que o balance entre beneficio e risco deste preparado segue sendo "positivo".  

O regulador do medicamento decidiu engadir ao prospecto da vacina unha advertencia do posible risco, moi pequeno, de desenvolver coagulación sanguínea, pero segue recomendando o seu uso na Unión Europea. 

A firma dixo que incluirá "información importante do diagnóstico e a xestión" deses problemas, e asegurou que os profesionais sanitarios serán alertados dos sinais e os síntomas de  tromboembolismos con niveis baixos de plaquetas de sangue (trombocitopenia), así como do seu tratamento. 

O 13 de abril, tras a suspensión cautelar das inmunizacións recomendada por EEUU debido a eses casos de coágulos, J& J decidiu atrasar a repartición da súa vacina a Europa.