Johnson dá luz verde á reapertura de pubs, restaurantes e hoteis en Inglaterra

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, deu este martes luz verde a unha desescalada paulatina pola COVID-19, ao anunciar no Parlamento a reapertura de pubs, restaurantes, hoteis e salóns de peiteado en Inglaterra a partir do 4 de xullo. Este paso considérase como o máis importante para reactivar a economía do Reino Unido, que en abril, o primeiro mes completo do confinamento polo coronavirus, sufriu unha contracción do 20,4%.
Nunha declaración na Cámara dos Comúns, o xefe do Goberno autorizou a reapertura destas instalacións sempre que cumpran coas medidas de distanciamento social e hixiene necesarias para evitar un posible rebrote da COVID-19. Tamén revisou o distanciamento físico para reducilo de dous a non menos dun metro, o que permitirá aos pubs, restaurantes e hoteis reabrir as súas portas o 4 de xullo, despois de que os donos destes establecementos advertiran de que podían caer na ruína económica coa medida vixente.
Ademais, as persoas que residan en dous domicilios distintos en Inglaterra, xa sexan familiares ou amigos, poderán reunirse outra vez dentro das súas casas e mesmo pasar unha noite, sempre que sexan cautelosas e manteñan un distanciamento físico. O plan afecta só a Inglaterra, dado que as outras rexións británicas aplican as súas propias medidas e non avanzan tanto na desescalada, agás Irlanda do Norte, onde os hoteis, bares e restaurantes reabrirán o 3 de xullo.
Johnson informou de que as discotecas, os ximnasios e a piscinas deberán permanecer pechados. O primeiro ministro sinalou que as medidas poden ser revertidas se hai novos brotes e recalcou que o país debe permanecer "vixiante", pero, de momento, matizou, "non hai risco dun segundo pico" de infección.
O Reino Unido agregou outras 171 mortes por coronavirus tras a confirmación dun test, ata contabilizar un total de 42.927, segundo datos divulgados este martes polo ministerio británico de Sanidade. A mesma fonte informou de que desde o inicio da pandemia 306.210 persoas foron contaxiadas polo virus, 874 nas últimas 24 horas.