Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo: "Sabemos que somos moeda de cambio"
Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, falou este luns no Bos días sobre as consecuencias do acordo do brexit no sector pesqueiro, que reciben con "tristura e preocupación".
Touza explicou a importancia que ten o sector, que "durante a pandemia as nosas frotas non pararon de pescar. Durante este ano só no porto de Vigo movéronse máis de trinta mil toneladas de peixe fresco e de cincocentas mil de peixe conxelado". Nese sentido, dixo que o acordo no reflicte nin esa importancia nin as promesas que se lle fixo: "A nós dixósenos que na declaración política do brexit a pesca ía ser un sector esencial da negociación e que as partes poñerían os mellores esforzos para lograr un acordo antes do 1 de xullo de 2020. Ao final do día fomos o último sector obxecto de negociación e chove sobre mollado, sabemos que somos moeda de cambio".
A palabra que define a situación actual é a de "incerteza". "Sabemos que era moi importante ter un acordo comercial polo brexit. Estamos contentos polos sectores comerciais galegos que van poder contar con estabilidade", di o representante dos armadores vigueses. "Pero no sector da pesca fomos os grandes prexudicados".
Partindo desa incerteza, o que o sector o quere é solucións e concrecións: "Agora establécese un período de axuste de cinco anos en que imos ter unhas reducións, en principio, non moi significativas. Pero, como di a conselleira, hai que coñecer a letra pequena. O importante é que saibamos que vai afectar todas as frotas, tanto de litoral como a do Cantábrico, as que temos a pescar no Gran Sol e nas augas en que temos que stocks compartidos co Reino Unido", di Javier Touza.
Respecto a ese período de cinco anos de transición, Touza di: "Non sei se son suficientes, pero son os que temos. O que está claro é que o ministro de Agricultura e Pesca dixo que o acordo dá seguridade xurídica á frota. Eu pregúntome: cando unha persoa vai mercar unha casa ou un piso, non pide unha hipoteca a cinco anos. Como imos afrontar fortes investimentos en renovación da frota sabendo que dentro de cinco anos imos entrar no bombo da lotaría de Nadal e ano a ano se irán fixando as cotas para os stocks compartidos que temos co Reino Unido? Non nos dá ningunha seguridade a medio e longo prazo".
Confían, iso si, en que como recolle o acordo, os efectos só se apliquen nas augas das illas do Reino Unido: "Desde logo estamos a estudar este acordo, pero en principio non se vai aplicar aos territorios de ultramar que dependen do Reino Unido. En calquera caso o impacto, a efectos de aranceis, vanse reflexar a partir do 1 de xaneiro, é dicir en tres días".
Sobre a posibilidade de explorar outros espazos de pesca, Touza dixo que "aínda é pronto para establecer estratexias. Para nós é importante saber que imos da man da Xunta de Galicia. Existen distintas opcións e nós imos loitar para defender a nosa frota, a rendibilidade e os postos de traballo, buscando a máxima competitividade nun escenario globalizado".