CRTVG

Buscar

"As comunidades aínda poden tomar moitas decisións dentro do estado de alarma"

Publicado o 21/01/2021 11:01

O delegado do Goberno, Javier Losada, defende que as comunidades teñen "capacidade ilimitada para facer confinamentos municipais ou provinciais e para poñer horarios en distintas actividades". "As ferramentas existen e o estado de alarma establece que poden aínda tomar moitas decisións" e os resultados desas medidas serían semellantes ás do toque de queda.

Así o asegurou esta mañá nunha entrevista no Bos días, onde afirmou que a decisión de modificiar os horarios do toque de recollida se ten que realizar "nas mellores condicións posibles, e tamén a ser posible cun consenso xeneralizado, tendo en conta as situacións distintas de cada comunidade".

Javier Losada cre que a loita contra a pandemia, tanto nas comunidades como no Goberno, estase realizando de forma correcta e, desde a súa experiencia como médico, cre que o máis importante é "escoitar as directrices dos epidemiólogos e comités técnicos". "Creo que o están a facer ben coas ferramentas que existen", afirmou.

"Nesta fase do estado de alarma, nós (desde a Delegación do Goberno) colaboramos coa Xunta para que as medidas que se poñen en marcha se cumpran, poñendo as ferramentas necesarias", dixo Javier Losada, quen destacou que a maioría das persoas "cumpren as normas", e puxo o exemplo desta pasada fin de semana, cando nos controis que se realizaron "só o 2 % das persoas as incumpría".

Respecto ás últimas discrepancias entre o BNG e o Goberno de España, principalmente a conta da AP-9 e dos orzamantos do Estado, Losada dixo que "no Congreso non sobra ningún voto", valorando a posibilidade de que o Executivo de Sánchez xa non necesite o voto do deputado nacionalista para darlle estabilidade ao seu Goberno.

"Hai algúns que non queren achegar, como na aprobación destes investimentos tan importantes, que son os mellores da democracia en compromiso social. Pero tamén con respecto a Galicia, porque é a primeira vez que uns presupostos levan 55 millóns para abaratar a as peaxes da AP-9", digo Javier Losada. "É sorprendente que Néstor Rego pida isto cando tivo oportunidade de votar presuposto con maior orzamento social e uniu o seu voto a Vox, ao PP e aos independentistas máis radicais". "Nós temos un compromiso que é abaratar as tarifas da autoestrada e estamos traballando para que sexa o máis pronto posible", concluíu o delegado do Goberno.

Losada foi concluínte para dicir que "por suposto" que haberá un repartimento transparente dos fondos europeos. "Serán o impulso que vai ter toda España e as autonomías para modernizarse, e un eixo moi importante para que integración dos territorios sexa maior", asegurou. 

"En Alcoa ábrese unha porta a esperanza, traballando todos xuntos. No caso de Endesa a situación é moi diferente, a min de xeito persoal cabréame. Creo que o que fixo Endesa non é de recibo, como decisión unilateral da empresa", asegura o delegado do Goberno.

Respecto a outras industrias, Losada pregúntase que "por que non se tomaron medidas no seu momento", cando xa se sabía o que ía pasar.

"O Goberno está comprometido coa saída sur de Galicia a Portugal", asegurou Javier Losada respecto coa conexión ferroviaria e dixo que ese compromiso se ve reflectido cos investimentos coa conexión co AVE a Vigo.

Losada tamén dixo que se dixo que estaba comprometida a chegada do AVE a Galicia no ano 2021 e "vai estar no ano 21"

E finalmente sobre Pedro Sánchez, pola súa relación persoal co presidente do Goberno, dixo que "sendo unha persoa resisente, moi preparada e con capacidade de traballo intensa, e unha persoa cunha coherencia nas súas posicisións".