Javier Granja, transplantado de medula grazas á doazón que realizou súa irmá
Celébrase o Día europeo da Doazón e o Transplante de órganos e podemos presumir de que España segue, un ano máis, á cabeza. É un acto voluntario que salva vidas. E sábeo ben Javier Granja, un veciño de Boqueixón, que foi transplantado de medula grazas a súa irmá. Hai catro anos, nun control rutineiro, detectáronlle unha leucemia e quedou ingresado unha longa temporada no Hospital Clínico de Santiago. Despois de buscar doantes, dous dos seus irmáns eran compatibles e foi unha delas quen, finalmente, lle doou a medula para ser transplantado.
Javier di que a vida lle cambiou completamente e que o pasou moi mal porque nunca contara con que ía ter esa enfermidade. O próximo domingo 17 de outubro fai catro anos do seu ingreso e foi grazas aos seus fillos que loitou para saír adiante.
Despois do transplante, Javier sufriu unha segunda recaída. Foi cando lle dixeron de participar nun ensaio clínico no Hospital Clinic de Barcelona. Afirma que non o pensou e que está moi agradecido do tratamento que recibiu e de que lle fora tan ben.
Agora está esperando que lle dean a alta e poida volver traballar, quere levar un nivel de vida adecuado ás súas circunstancias e anima a xente a facerse doadora para axudar a salvar vidas.