CRTVG

Buscar

Jácome forza unha moción de confianza ao non sacar adiante unha modificación de crédito

Publicado o 09/06/2021 16:56
Jácome forza unha moción de confianza ao non sacar adiante unha modificación de crédito

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, vaise someter o vindeiro luns a unha cuestión de confianza tras ser rexeitada unha modificación de crédito por un montante de máis de 62 millóns de euros.

Votaron en contra da proposta os concelleiros do PSOE, BNG e os edís críticos de Democracia Ourensá -non adscritos-. Só contou co apoio do grupo de Goberno e de Ciudadanos. O Partido Popular abstívose.

Deste xeito, o rexedor levará a pleno o vindeiro luns esta modificación, vinculada á cuestión de confianza. Se volve ser rexeitada, abriríase un prazo dun mes para que os grupos poidan presentar un candidato alternativo. De non postularse ningún candidato nese prazo, a modificación será aprobada inicialmente.

Nun comunicado remitido aos medios, o grupo socialista criticou a "macromodificación" de crédito presentada polo alcalde e líder de Democracia Ourensá, e apuntou que parece máis "un orzamento en B".

O voceiro do PP, Luís Seara, rexeitou a proposta ao entender que nace sen negociación previa e sustentada "na chantaxe".