CRTVG

Buscar

Iturgaiz cualifica de "insólita" a substitución de Alonso, pero reivindica a coalición con Cs

Publicado o 24/02/2020 09:46

O cabeza de lista da coalición electoral de PP+Cs ás eleccións vascas, Carlos Iturgaiz, recoñeceu este luns que a substitución de Alfonso Alonso como candidato dos populares vascos ás eleccións autonómicas é "insólita". O que fora presidente do PP vasco durante oito anos, designado este domingo por Pablo Casado como candidato a lehendakari, reivindicou nunha entrevista en Onda Cero, recollida por Europa Press, a coalición con Cs como o "referente" do constitucionalismo no País Vasco.

Na súa primeira entrevista tras coñecerse a decisión de Génova, Iturgaiz definiuse como "unha persoa de partido" e asegurou que afronta "con toda a ilusión" posible a misión que lle asignou Casado: "Tirar do carro do PP". Tras a polémica entre a dirección nacional e os populares vascos, Iturgaiz reivindicou a historia do PP no País Vasco, onde viviron "momentos terribles".

"Eu tiña un equipo que eran sen ningunha dúbida verdadeiros valentes. A maioría de persoas que estaban antes están agora", sostivo. Neste contexto, o político vasco chamou á unidade de PP e Cs para combater "o nacionalismo e un PSOE que deixou de ser constitucionalista". "Socios preferentes seus son os batasunos, o brazo político da ETA. Con eses compañeiros de viaxe mostraron que renuncian ás liberdades", aseverou.