CRTVG

Buscar

Italia volve ao confinamento ante o aumento de contaxios por coronavirus

Publicado o 14/03/2021 21:48

O balbordo no céntrico barrio de Trastevere en Roma, coas rúas cheas de xente e as terrazas ateigadas, non parece presaxiar o confinamento no que vai entrar boa parte do país este luns. Nas rexións máis afectadas pola covid-19 pechan as escolas, os negocios e os restaurantes. Para todo menos os servizos esenciais.

"Estou vivindo, xa sabes, como unha última xornada de consolo e quizais un momento de esperanza para pensar en tempos mellores", comenta un cliente dun bar.

O edurecemento das restricións afectaralles a uns 40 millóns de italianos, que poderán saír da casa, pero non moverse do municipio.

Estas estudantes Erasmus irlandesas din que van aproveitar para saír a comer xuntas porque non van poder volver facelo en moito tempo e recoñecen que a situación non é moi diferente no seu país.

As novas medidas impostas polo Goberno responden á necesidade de conter o ritmo de contaxios e evitar a sobrecarga nos hospitais. Nas últimas 24 horas o país rexistrou máis de 21.000 novos casos e 264 falecidos.

"Vémonos obrigados a limitar a nosa liberdade. Creo que é necesario neste momento e por suposto seguiremos este camiño mentres sexa necesario, ata que polo menos esteamos todos vacinados", afirma unha muller que pasea pola rúa.

Nos días festivos da Semana Santa as restricións ampliaranse a toda Italia para evitar desprazamentos. O país superou esta semana as cen mil mortes por coronavirus.

Noticias web

14/03/2021