Baixa a cifra de mortos en Italia por segunda xornada consecutiva
As cifras do coronavirus en Italia seguen sendo terribles. 50.000 infectados e máis de 6.000 mortos. Pero no primeiro día de suspensión de toda actividade produtiva non esencial, a análise das estatísticas da un pouco de esperanza. Por primeira vez, os novos infectados baixan do 10%. E o número de vítimas mortais deixa de medrar dun día para outro.
Suman 600 nas últimas 24 horas, pero son 50 menos que o domingo e 200 menos que o sábado.
Os EUA, terceiro país con máis casos
A China contabiliza menos de 10 mortos por quinto día consecutivo. Logrou aplanar a curva e os novos contaxios, 39 son todos importados.
Pola contra a epidemia avanza nos Estados Unidos. Xa é o terceiro país con máis positivos por detrás da China e Italia e por riba de España. Donald Trump mobilizou a Garda Nacional en Nova York, California e Washington, os estados máis afectados.
Francia envía doentes graves a outros países
Tamén medra a preocupación en Francia. Comezou a enviar enfermos graves a Alemaña, Suíza e Luxemburgo. Trátase de doentes da rexión do Gran Leste, a máis afectada, onde os hospitais están desbordados e incapaces de atender máis persoas que precisan axuda respiratoria.
A pandemia suma 15.000 mortos e 360.000 casos en 178 países. 100.000 persoas en todo o mundo superaron a infección.