CRTVG

Buscar

Italia adianta a desescalada ao 26 de abril

Publicado o 16/04/2021 17:23
Italia adianta a desescalada ao 26 de abril

Italia empezará a abrir os principais sectores que estaban pechados polas medidas anticovid a partir do próximo 26 de abril. Segundo o primeiro ministro, Mario Draghi, "pódese mirar ao futuro cun prudente optimismo".

Nunha rolda de prensa tras reunirse cos seus asesores, sinalou que este alivio das restricións son "un risco razoable" que o Goberno italiano asume para beneficiar a economía e a vida social.

Italia permitirá a reapertura desde o próximo 26 de abril de todas as escolas, con clases presenciais, nos niveis de risco leve ou medio. Os colexios en zona de risco máximo, coñecidas como "áreas vermellas", combinarán a educación presencial coa telemática.

Do mesmo xeito, co obxectivo de reactivar o sector da hostalería, poderán abrir os bares e restaurantes para servir xantares e ceas, pero só en terrazas.

Ademais, permitiranse as viaxes entre as rexións con mellores datos, algo que non se podía facer desde facía meses, e habilitarase un documento para o cambio entre zonas con distintos niveis epidemiolóxicos.

"Fase de transición"

O ministro de Sanidade, Roberto Speranza, explicou que comeza unha "fase de transición" para a que se creou un calendario con outras medidas de alivio.

Para o 15 de maio está prevista a apertura das piscinas ao aire libre; para o 1 de xuño, algunhas actividades nos ximnasios e para o 1 de xullo, as feiras. 

Italia aproveita a redución de contaxios para adiantar unha desescalada que non estaba contemplada ata o vindeiro 30 de abril nas zonas de risco medio e alto.