CRTVG

Buscar

Italia, o primeiro país en declarar o confinamento, empeza a desescalada

Publicado o 18/05/2020 18:35
Italia, o primeiro país en declarar o confinamento, empeza a desescalada

Italia, o primeiro país do mundo en declarar o confinamento en todo o seu territorio polo coronavirus, entrou hoxe nunha decisiva fase da súa desescalada coa reapertura case total dos negocios e actividades e o levantamento de moitas restricións de movemento.

"Serán meses moi duros e complexos, non debemos ignoralo", advertiu, con todo, o primeiro ministro, Giuseppe Conte, ao considerar a reapertura como un "primeiro paso" cara a "unha  cotidianeidade literalmente cambiada".

Volta á vida cos seus máis e cos seus menos

Case tres meses despois de que saltaran todas as alarmas coa detección do primeiro caso local de coronavirus na rexión da Lombardía, comercios, restaurantes, hoteis, barberías, museos e ata as praias sumábanse hoxe aos lugares abertos desde o comezo da emerxencia sanitaria, como as tendas de alimentación ou farmacias, pero sempre con medidas de seguridade, distancias e máscaras.

Entre as prohibicións que se levantaron está a de viaxar ás segundas residencias, aínda que só se se atopa na mesma rexión, ou visitar amigos, xa que ata o de agora só se permitía ver os familiares.

Volven as misas e reabre a basílica de San Pedro

Desde hoxe tamén empezaron a celebrarse misas con fieis despois de máis de dous meses de prohibición, con toda unha serie de medidas de seguridade e distancia. Unha das primeiras foi a oficiada polo papa Francisco na basílica de San Pedro, pechada desde o 10 de marzo, e estivo dedicada ao centenario do nacemento de Xoán Paulo II.

Próximas datas da desescalada

As próximas datas no calendario de desescalada serán:

· 25 de maio, cando reabran ximnasios, centros deportivos e piscinas.

· 3 de xuño, cando Italia abrirá as súas fronteiras cos países da Unión Europea sen necesidade de ter que gardar corentena e permitirase o movemento entre as diferentes rexións.

· 15 de xuño, cando reabran os teatros e cinemas.

Italia supera 32.000 mortos, aínda que rexistra o mellor dato de novos casos

Segundo o último reconto, Italia rexistrou 451 novos contaxios por coronavirus nas últimas 24 horas, o mellor dato desde o 2 de marzo.

Porén, o país xa superou os 32.000 mortos polo virus desde o inicio da pandemia. Nas últimas 24 horas houbo 99 novos falecementos, co que o dato total é de 32.007.

Mentres, os casos totais ascenden a 225.886 desde que comezou a emerxencia o 21 de febreiro. O número de positivos descendeu en 1.798 respecto ao domingo, ata os 66.553 pacientes.