CRTVG

Buscar

Italia impón o pasaporte covid para todos os traballadores a partir do 15 de outubro

Publicado o 17/09/2021 15:14

Os gobernos estreitan o cerco sobre os que non se queren vacinar. O máis estrito é Italia. Alí será obrigatorio estar vacinado para poder traballar, tanto en empresas públicas coma privadas. Non presentalo no traballo pode carrexar multas de ata mil euros. Esta medida contou coa oposición dos sindicatos italianos, pero o primeiro ministro Draghi deu o paso adiante e converteu Italia no primeiro país europeo en esixir no traballo un pasaporte que garante que estás vacinado contra o coronavirus.

Este pasaporte esíxese en cada vez máis actividades en distintos países europeos. En Bruxelas é obrigatorio presentalo para acceder a bares e restaurantes. En Francia, para actividades culturais e para os traballadores do sistema de saúde.

Italia convértese no primeiro país europeo en que será obrigatorio o pasaporte covid para traballar. A medida, xa vixente para sanitarios e docentes, esténdese a partir do 15 de outubro a todos os empregados do sector público e do privado. Quen vaia traballar sen certificado sanitario ou PCR negativa deberá volver para casa. O incumprimento acarrexa multas de ata mil euros e, se dura máis de cinco días, a suspensión de emprego e soldo. A medida afecta a 23 millóns de traballadores.

O ministro italiano de Administracións Públicas, Renato Brunetia, explicou na comparecencia tras a reunión que "Italia se pon á vangarda no mundo" con esta decisión, que busca permitir ao país afrontar o inverno en mellores condicións de seguridade para evitar novos peches pola pandemia.

O certificado, válido dixital ou en papel, demostra que alguén recibiu polo menos unha dose da vacina contra o coronavirus, pasou a enfermidade ou se someteu a unha proba con resultado negativo nas horas previas a mostralo, período que agora se amplía ata as 72 horas, das 48 de antes. Este "pase verde", como se chama en Italia, xa se esixe para determinadas circunstancias, como o acceso ao interior de bares e restaurantes, ximnasios, museos ou convencións, e agora pedirase a todos os empregados do sector público e privado.

A ministra de Asuntos Rexionais, Mariastella Gelmini, explicou que o Goberno de Mario Draghi tamén reduciu o prezo das probas de coronavirus: serán gratuítas para quen non poida vacinarse, custarán oito euros para os menores de 18 anos e 15 euros para o resto fronte aos cerca de 20 euros que custan agora.

Quen non presente o certificado ou leven unha falsificación enfrontaranse a multas económicas e mesmo ata a suspensión temporal do emprego, aínda que isto non significa que poidan ser despedidos, dixo pola súa banda o ministro de Traballo Andrea Orlando. "O obxectivo é incrementar a seguridade nos lugares de traballo", engadiu. Italia ten actualmente o 74,61 % da poboación de máis de 12 anos inmunizada contra o coronavirus, cifras similares ás dos seus veciños na Unión Europea.

A aplicación do certificado de vacinación xera tensións nas filas do Goberno, especialmente coa ultradereitista Liga, cuxo líder Matteo Salvini trata de gañar o favor dun sector da poboación que se opón á vacinación e sostén que este pase sanitario é unha maneira de forzar a xente a inocular as doses se non quere someterse a probas moleculares ou de antíxenos continuas.

Noticias web

17/09/2021