CRTVG

Buscar

Italia illa polo coronavirus os seus 60 millóns de habitantes

Publicado o 10/03/2020 14:18

Italia estendeu a todo o país as medidas de illamento e contención do COVID-19.  Os cidadáns non poden saír da casa se non é por razóns de estrita necesidade e deben evitar os desprazamentos. O Goberno pide responsabilidade: di que é o momento de coidar dos demais e de non colapsar o sistema sanitario.

"Non haberá máis unha zona vermella, non haberá máis a zona unha e a zona dúas da península, será Italia. Unha Italia: zona protexida", anunciana Conte, deixando o país abraiado.

Toda Italia. Sesenta millóns de persoas confinadas no corazón de Europa polo coronavirus de Wuham. A medida máis drástica do Goberno de Giuseppe Conte prohibe agora calquera desprazamento fóra do domicilio, excepto casos de estrita necesidade.

César Zuazua Galego que traballa en Florencia, explica: "Pódese ir a un supermercado, á farmacia, ao médico ou a traballar. Pero sempre son motivos xustificados e cubrimos un módulo que hai que entregar á policía para poder saír".

Hai sancións e ata tres meses de cadea, para quen salte as normas. Claro que moitos centros de traballo xa teñen casos de contaxio e dinlles aos traballadores que queden na casa. Están en suspenso a actividade lectiva, e tamén os eventos culturais e deportivos. Bares e negocios poden abrir se garanten entre clientes un metro de separación. E hai ringleiras e estantes baleiros nos supermercados. Pero os transportes funcionan, para minimizar as repercusións económicas.

"É o momento de coidar dos nosos maiores, de evitar contaxios. De evitar o colapso dun sistema sanitario que xa está sufrindo", di o primeiro ministro, Giusseppe Conte. E de evitar o pánico que se apoderou por exemplo do sistema penitenciario, con motíns e fugas en varias prisións que deixaron xa seis persoas mortas.

Noticias web

10/03/2020