CRTVG

Buscar

Italia empeza a esixir o certificado anticovid dentro de bares e no lecer

Publicado o 06/08/2021 10:19
Italia empeza a esixir o certificado anticovid dentro de bares e no lecer

Italia comeza hoxe a esixir o certificado sanitario anticovid para consumir dentro de bares e restaurantes, así como en lugares pechados de lecer, unha medida non exenta de críticas, que en setembro se estenderá tamén a profesores e medios de transporte.

O certificado, que especifica que o seu portador recibiu polo menos unha dose da vacina, pasou a covid-19 ou conta cunha proba negativa, está dispoñible en versión papel e dixital e xa foi descargado por dous de cada tres italianos.

O Goberno de Mario Draghi quere animar a xente para vacinarse para evitar a todo custo peches e novas restricións xa desde este verán. A partir do 6 de agosto, o 'certificado verde' é obrigatorio para consumir dentro de bares e restaurantes, pero tamén para acceder a espazos pechados como ximnasios, cinemas, teatros, museos, estadios ou grandes eventos como concertos.

A medida suscitou manifestacións en todo o país, ao verse como unha obriga tácita de vacinarse, xa que quen non conte co documento queda practicamente excluído do lecer e a cultura en Italia. Pero tamén pola súa imprecisión. Os xestores dos 270.000 restaurantes e bares do país, por exemplo, quéixanse de que deberán facer de 'policías' cos seus clientes e denuncian unha serie de contradicións na posta en práctica da medida. 

Noticias web

06/08/2021