CRTVG

Buscar

Xa van máis de tres millóns de contaxios no mundo, un millón deles nos EUA

Publicado o 27/04/2020 18:35
Xa van máis de tres millóns de contaxios no mundo, un millón deles nos EUA

A pandemia do novo coronavirus orixinada na cidade chinesa de Wuhan superou os tres millóns de contaxios, concretamente 3.055.651 casos confirmados polas autoridades de 185 países, mentres que os falecidos sitúanse xa en 211,065, segundo os datos recompilados pola Universidade Johns Hopkins. Segundo o balance global ademais que xa hai 878.813 pacientes que superaron o virus, con España á cabeza desta táboa con 120.832 persoas recuperadas, tras superar este domingo a Alemaña (114.500) e os Estados Unidos (107.226).

Os EUA superan o millón de contaxios

O xigante norteamericano segue sendo o país máis afectado polo coronavirus, tanto por número de casos como por número de falecidos, con 1.004.942 persoas contaxiadas e 55.527 vítimas mortais. España mantense como o segundo país máis afectado pola pandemia e o máis afectado de Europa por número de contaxios, cun total de 229.422 persoas contaxiadas e 23.521 decesos, seguida por Italia, que contabiliza menos persoas contaxiadas, 199.414, pero máis mortos, 26.977.

Italia achégase aos 200.000 casos totais e case 27.000 mortos

Italia rexistra 199.414 casos totais de coronavirus, cun aumento de 1.739 nas últimas 24 horas, unha cifra moi baixa que constata que cae a curva de contaxios. O número de mortos alcanza xa os 26.977, ao rexistrarse 333 máis o último día, unha cifra superior aos 260 do domingo pero moito menor que as últimas semanas, segundo os datos ofrecidos hoxe polo xefe de Protección Civil, Angelo Borrelli. Os casos positivos actuais son 105.813, mantendo a tendencia de descenso, e ata a data curáronse xa 66.624 persoas, mentres seguen baixando os hospitalizados.

Descenden a 360 os falecidos diarios no Reino Unido por COVID-19

O número falecidos diarios por COVID-19 en hospitais do Reino Unido descendeu este luns ata 360, por baixo dos 413 mortos comunicados onte e os 813 o pasado sábado, informou o ministro de Sanidade británico, Matt Hancock. En total, morreron pola enfermidade 21.092 pacientes hospitalarios no Reino Unido desde que se iniciou a pandemia, mentres que o número de casos confirmados nas últimas 24 horas ascendeu en 4.031, tras levar a cabo 37.022 tests nese período.

437 novas mortes en Francia e un total de 23.293 falecidos por coronavirus

Francia contabilizou este luns 437 novas mortes por coronavirus, co que o total de falecidos desde o inicio da epidemia ascende a 23.293 persoas, segundo as autoridades sanitarias. Tras rexistrar unha lixeira caída nos falecementos diarios o domingo, con 242 mortos, o país volve a unha cifra próxima ao medio milleiro, con 295 mortos en hospitais e 142 en residencias. Das 23.293 mortes que se rexistraron desde o 1 de marzo, 14.497 morreron en hospitais e 8.796 en xeriátricos.

Nun comunicado, o Ministerio de Sanidade sinalou este luns que contabilizan 128.339 casos de  contaxios confirmados no país, 28.055 persoas hospitalizadas, 162 menos nas últimas 24 horas, e 4.608 delas ingresadas en coidados intensivos. O sistema sanitario do país segue baixo presión con 7.527 pacientes nos coidados intensivos dos seus hospitais, cando o límite de camas dispoñibles é de 5.000. O primeiro ministro, Édouard  Philippe, debe comparecer mañá na Asemblea Nacional para dar conta da volta progresiva á normalidade.

Noticias web

27/04/2020