Isto é o que podemos facer na fase 2
Dende o luns poderemos pasear e facer deporte a calquera hora do día. Co inicio da fase 2 elimínanse as franxas horarias, agás as reservadas para os maiores de 70 anos entre as 10 e as 12 da mañá e as 7 e as 8 da tarde.
Tamén aumenta a distancia en que nos podemos mover, ata 5 quilómetros do noso domicilio incluídos concellos lindeiros sempre que estean na mesma provincia.
Permitiranse reunións con familiares ou amigos en vivendas ou bares e terrazas de ata 15 persoas, 5 máis que as que establecía a fase 1 que deixamos atrás.
Hostalaría e comercio
A actividade volverá tamén ao interior de bares e restaurantes, que deberán limitar a afluencia ao 40% e gardar as distancias de seguridade. Teremos que estar sentados nunha mesa, nunca na barra nin de pé en grupos.
Os hoteis poderán volver abrir as súas zonas comúns a un terzo da súa capacidade.
Da reapertura da hostalería quedan excluídos polo momento locais de ocio nocturno ou discotecas.
Ademais, amplíase a capacidade do comercio retallista ao 40 por cento. O pase á etapa 2 implica tamén a reapertura dos centros comerciais, cun 30 % de limitación nas zonas comúns e un 40 % no interior das tendas.
A fase dúas tamén autoriza a celebrar vodas con ata cen invitados.
Residencias
Tamén se flexibiliza o desconfinamento nas residencias de anciáns, o principal foco de contaxios desde que se iniciou a pandemia. Deste xeito, poderán iniciarse as visitas, unha vez á semana, dos familiares dos usuarios destes centros.
Actividades culturais
Ademais, no ámbito da cultura, as salas de lectura das bibliotecas poden abrir con restricións e igualmente cines e teatros volverán funcionar cun terzo das butacas. Poderán, tamén, retomarse actos e espectáculos culturais para menos de 50 persoas en lugares pechados, ata un terzo da capacidade, e de menos de 400 ao aire libre, sempre co público sentado e mantendo a distancia.
En Galicia volverán ás aulas, de xeito voluntario, os alumnos de segundo de bacharelato e FP media e superior. Cines, teatros e auditorios levantarán o pano cun terzo de espectadores.
Seguir fomentando o teletraballo
En todo o relativo ao entorno laboral, a fase 2 mantén a recomendación de fomentar, sempre que sexa posible, a continuidade do teletraballo. En caso de que non sexa posible, débense extremar as medidas de hixiene e prevención nos centros de traballo. Deberase axustar a organización horaria para evitar a coincidencia masiva de persoas, tanto traballadores como, no caso de atención ao público, clientela.
Praias
Co avance na desescalada estará permitido o acceso ás praias e ao baño. Pero as administracións competentes deberán garantir para iso as medidas xerais de protección persoal e distancia social, tanto comunidades autónomas como municipios. Illa dixo, con todo, que "a clave é a responsabilidade individual". Ademais a estas alturas do ano os areais non contan con socorristas.